Friday 03 de May de 2024

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego de auxiliar de axuda no fogar


Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para o servizo de axuda no fogar, o Concello da Pobra do Caramiñal procede a convoca-las probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal de postos de auxiliar.

O cometido funcional do posto versará sobre as tarefas propias da praza e, entre outras, as funcións de atencións de carácter persoal, doméstico, complementario, e psicosocial e educativo.

As persoas aspirantes deberán cumprir unha serie de requisitos; entre eles, estar na posesión, ou na condición de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias, do título da formación profesional de grao medio de Atención Sociosanitaria; en Coidados Auxiliares de Enfermaría; ou do certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio.

Deberase solicita-la participación mediante unha instancia dirixida ó alcalde, conforme o modelo que consta no anexo I das mencionadas bases. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 10 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste mércores 17. Se optaren por presenta-la solicitude nunha oficina de Correos, farano nun sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo persoal funcionario de Correos antes de ser certificada. Neste caso e cando se presente a instancia noutro rexistro público diferente ó da Administración local pobrense, as persoas solicitantes, antes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes, deberán remitir unha copia escaneada da instancia debidamente selada ou rexistrada ó enderezo electrónico rexistro@apobra.gal. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples dos documentos indicados nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.